Unha adecuada ventilación, imprescindible para eliminar humidades
Partindo de que as causas das humidades nas vivendas son variadas, imos deternos neste artigo naquelas que teñen orixe na condensación, e en concreto, en como realizamos a ventilación de interiores, pola incidencia que esta práctica pode ter na mellora da situación dun fogar.
O certo é que en demasiadas ocasións a forma en que ventilamos incrementa o problema, polo que ten moita importancia que coñezamos mellor como funciona a deshumidificación, para podermos actuar de maneira axeitada.
Ben é sabido que as humidades no interior das vivendas representan un problema a nivel de saúde e confortabilidade así como de conservación dos materiais. No que máis nos interesa a nós en ARUMIA como empresa de control de pragas, temos que subliñar que as humidades son un factor de primeira orde de cara á propagación de insectos, e en particular en relación á actuación de xilófagos sobre a madeira. Térmites e couza, e tamén fungos, teñen preferencia por atacar materia con determinados niveis de humidade.
Como ventilamos habitualmente?
Debemos saber que abrir para ventilar durante moito tempo non significa facelo ben.
Tamén debemos saber que a ventilación con ventás oscilo batentes produce pouco intercambio de ar e si perda importante de calorías. O efecto de ventilación é moito menor que no caso da ventilación total, pois o ar fresco apenas alcanza a algunhas zonas da vivenda. En troques arrefríanse moito as paredes e os chans próximos á ventá.
A norma a recordar é que o ar quente pode absorber máis humidade, o frío menos.
En base a isto, o recomendable é a ventilación total: ábrense totalmente as xanelas no que resulte posible, facilitando corrente dunhas a outras por toda a vivenda.
Adoitan ser suficientes cinco minutos de ventilación tal como indicamos, no posible de tres a catro veces diarias.
Tamén cando chova en inverno, pódese quitar suficiente humidade ambiental das estancias caldeadas ao exterior mediante a ventilación total. É decisiva a diferenza de temperatura.
Neste cadro podemos ver a nivel orientativo os tempos de ventilación en función das posibilidades que teñamos.
A adecuada ventilación da vivenda en función das épocas do ano.
Atendendo ás distintas estacións poderiamos aproximar o seguinte cadro-resumo.
Correcto uso da calefacción.
No tempo no que hai que utilizar calefacción, as estancias deberían ser caldeadas o suficiente e con regularidade, de maneira que non se arrefríen e o ar das estancias poda absorber humidade abondo. As portas dos cuartos fríos, como por exemplo poderían ser os dormitorios, deben permanecer fechadas.
Desde o punto de vista que estamos comentando, a calefacción debería ser utilizada con regularidade, para intentar manter a temperatura dos cuartos entre os 19° e os 21°C.
Por outro lado tamén temos que dicir que é preferible non colocar mobles diante dos radiadores nin cubrilos con cortinas.
Estancias pouco utilizadas.
Aquí tamén hai que ventilar con regularidade e caldear con mesura.
A diferenza de temperatura entre os espazos caldeados e non caldeados non debería ser maior de 4°C. Para estes casos a recomendación é manter fechadas as portas das estancias que se non utilicen e sexan máis frescas.
Na cociña.
Mentres se cociña ou cando se abre a máquina lavalouza prodúcese moita humidade que debe saír. Para estas situacións resultan axeitadas as cambotas extractoras con saída ao exterior, sabendo que as de filtro non son apropiadas para a diminución da humidade ambiental.
No baño.
O aconsellable para evitar a humidade por condensación sería o secado de bañeira e azulexos despois da ducha, ventilando inmediatamente para que non se acumule moita humidade, e antes de que se adhira ás superficies.
Nos dormitorios.
Unha boa práctica sería ventilalos pola mañá dúas veces, e entremedias poñer a calefacción, especialmente se sospeitamos que podemos ter humidade acumulada nas paredes tal como explicamos. Deste xeito a humidade das camas e da roupa de cama sae ao aire e mediante ventilación pode ser expulsada ao exterior.
Regra especial para o soto.
No verán, cando a temperatura exterior sexa máis elevada cá do soto, débense manter fechadas as ventás e as portas. Así evítase que o ar quente se condense nas paredes frías do soto e que penetre a humidade.
Secado da roupa na vivenda e uso de ferro de pasar.
Estas actividades deberíanse combinar cunha breve ventilación complementaria.
Os sotos sen calefacción non son apropiados para estes usos, precisamente polos problemas descritos.