Este mes de marzo chamáronnos para unha inspección por térmites en Santiago de Compostela. En principio non debería tratarse dunha situación moi problemática, pois o edificio apenas ten madeira na estrutura, pero presentábanse síntomas de ataque no rodapé.
Realizamos a correspondente inspección e, efectivamente, encontramos un ataque puntual destes xilófagos sinxelo de resolver e que non requiría máis que unha mínima actuación puntual.
O que si resultou curioso foi comprobar como os térmites estaban na zona de arquivo atacando tamén a documentación impresa que alí se gardaba. Esta circunstancia en realidade non ten nada de sorprendente, dado que estes insectos sociais se alimentan de celulosa, e, se ben, é na madeira ou no algodón onde máis poden atopar, tamén se alimentan de papel e de cartón. Como podedes apreciar nas fotografías algúns destes A-Z presentaban xa un estado de avanzada deterioración que era imperativo deter.
Posto que resultaba posible, decidímolos tratar na cámara de desinsectación por temperatura que temos nas nosas instalacións. Con este sistema, puidemos darlles un tratamento altamente eficaz sen risco de provocarlles dano ningún debido ao propio tratamento.