Na segunda semana de febreiro, despois do temporal da fin de semana, tivemos que desprazarnos de novo ao Colexio Vos Casais, do Concello de Fene, para revisar as trampas para a procesionaria que colocaramos en 3 árbores.
Como sabedes, a procesionaria do piñeiro, ademais de representar un perigo para estas coníferas, tamén o constitúe para as persoas e animais, polo poder urticante dos seus mecanismos de defensa.
Despois da revisión do estado das trampas, comprobamos que unha delas estaba seriamente danada e procedeuse a reparala.
Como vedes, a trampa consiste basicamente nunha barreira que se coloca a certa altura ao redor do tronco e que intercepta o paso da procesión de orugas. Esta barreira obriga ás orugas a dirixirse a unha bolsa que colocamos ao longo da barreira.
As revisións que realizamos asegúranse do bo funcionamento da trampa, e nelas recollemos os insectos capturados para proceder á súa incineración.