Scleroderma Doméstica, un método para eliminar a couza da madeira?
larva de xilófago sobre madeira

Escleroderma Doméstica

Presentamos hoxe un insecto que nos axuda a combater de forma natural a couza[1] que pode estar atacando a madeira da casa: a scleroderma doméstica[2] (sclerodermus domesticus).

Referímonos a un himenóptero[3] da familia dos betílidos, que parasita as larvas dos insectos da madeira, en concreto un grande número de couzas da familia dos anóbidos, así como tamén cerambícidos.

Saibamos algo máis sobre a scleroderma doméstica.

Trátase dun becho de tres o catro milímetros de lonxitude. As femias carecen de alas, e teñen o corpo alongado, de cor negra, de tal xeito que se asemellaría ao dunha formiga. En relación a esta, alén dalgunha diferenciación anatómica, posúe un aguillón no extremo posterior do abdome, co que inxectan veleno cando pican. Terían, polo demais, a cabeza máis ovalada e aplanada, coas antenas rectas. Os machos carecen de ás e son difíciles de ver.

[1]De forma vulgar a xente soe referirse á couza como polilla da madeira

[2]    Non confundir co termo “scleroderma” para referirse a unha esclerose sistémica que orixina o endurecemento da pel.

[3]Orde de insectos con dos pares de ás membranosas,  o primeiro deles máis grande có segundo e coa boca de tipo mastigador ou lambedor (como as abellas, nespras, as cascudas ou as formigas)

Scleroderma

Figura 1: Detalle de exemplar de escleroderma doméstica

Como actúan a respecto da couza?

As femias penetran polas galerías escavadas na madeira pola couza buscando larvas xa próximas ao seu estadio adulto. Vanas pinchando co aguillón inoculándolles veleno ata lograr a paralización total da larva. A partir de aí ábrenlles coas mandíbulas feridas en distintos puntos para chuchar a hemolinfa que brota, líquido nutritivo que aproveitan, e dispóñense a introducir no interior unha certa cantidade de ovos nunha larva que continúa viva. As larvas da scleroderma doméstica alimentaranse co sangue, músculos e demais tecidos da larva do coleóptero.

larva de xilófago

Figura 2: Detalle de larva de couza sobre peza de madeira

 

Nun comportamento pouco frecuente a nai coida da súa descendencia. Cando saen do que queda das larvas da couza, lambe nelas e ás veces, para defendelas, colócaselles encima para protexelas durante as sucesivas fases da metamorfose.

Nunhas poucas semanas as larvas de scleroderma tecen un casulo sedoso, do que dous meses máis tarde sairán novos adultos.

Para saber máis sobre este interesante insecto recomendamos o seguinte artigo, do Blog El Desinsectador y Desratizador de Carlos Pradera.

A picadura da Scleroderma Doméstica

Ese efecto beneficioso que poden ter no control da couza e as súas consecuencias sobre mobles e estruturas de vivenda de madeira vese contrarrestado pola molesta picadura que a femia provoca sobre os humanos. Como xa dixemos as femias non teñen ás, polo que hai que pensar que se nos pican é porque se introduciron debaixo da nosa roupa mentres descansamos ou aparece sobre nós cando estamos cerca dalgún elemento de madeira afectado polos xilófagos.

Estas picadas concéntranse principalmente en partes como o lombo, o torso superior (caluga, brazos), as extremidades. Trátase de picaduras moi evidentes, dolorosas e que poden durar bastante. Normalmente son múltiples e efectúanas cerca unha da outra, dependendo das facilidades do parasito para avanzar sobre a superficie cutánea. Nas persoas máis sensibles, o veleno que inxectan pode provocar mesmo reaccións graves de alerxia e febres altas. Ademais en ocasións concéntranse en determinado/s individuo/s, deixando a outros que poda haber na vivenda indemnes.

As picadas teñen lugar adoito durante o día, sen que iso impida que se podan producir de noite, e é frecuente que se pense que foron causadas por pulgas, mosquitos ou calquera outro insecto, especialmente se a couza que hai na casa é pouca, pois neste caso as picaduras son máis ocasionais.

Estas picadas poden aparecer no inverno e  poden continuar producíndose ata o outono seguinte. A época de maior intensidade correspóndese coa primavera, coincidindo coa tempada de meirande actividade desta especie.

Ilustración de Scleroderma Domesticum

Tratamentos contra a Scleroderma Doméstica

Por tanto, debemos considerar que en ocasións ademais dun problema coa couza, podemos ter un problema con este insecto, que podemos abordar por medio dunha nebulización con produto insecticida, pero que inevitablemente haberá de levar aparellada necesariamente unha actuación para a erradicación dos xilófagos da edificación, que elimine a causa da presenza do insecto no fogar.

Para coñecer como podemos atender de forma profesionalizada as infestacións de couza e outros xilófagos, encontrará máis información aquí.

Innovación en trampas para ratos

Innovación en trampas para ratos

No mundo actual, constantemente evolucionado, o control de pragas vai avanzado considerablemente alén dos métodos rudimentarios e anticuados. Os avances na ciencia e a tecnoloxía teñen permitido a creación de trampas mais eficaces e humanitarias para os roedores,...

read more
Medidas preventivas contra as pulgas

Medidas preventivas contra as pulgas

Vivir sen pragas pode parecer un soño para moitos, pero é absolutamente posible coas medidas preventivas adecuadas. Nesta guía, imos discutir especificamente sobre as pulgas, estes pequenos insectos que son unha verdadeira ameaza para a nosa saúde e a das nosas...

read more
×